Saturday 27 de April de 2024

Curtis e Sobrado dos Monxes acollen o domingo concertos do ciclo da Xunta “O País das Bandas”


— Actuarán a Banda Artística de Merza e a Banda de Música Recreativa e Cultural de Bandeira

— A iniciativa, enmarcada na programación cultural do Xacobeo, ten como obxectivo impulsar a recuperación da actividade das bandas na Comunidade

Os concellos de Curtis e Sobrado dos Monxes acollen o domingo senllos concertos do ciclo O País das Bandas, promovido pola Xunta en colaboración coa Federación Galega de Bandas de Música Populares no marco da programación cultural do Xacobeo 21-22. As actuacións serán a cargo da Banda Artística de Merza, procedente do concello pontevedrés de Vila de Cruces, e da Banda de Música Recreativa e Cultural de Bandeira, do de Silleda.

Deste xeito, o lugar de Teixeiro, en Curtis, recupera o domingo ás 13,30 horas o concerto que se ía desenvolver o pasado día 8 coa Banda Artística de Merza. Fundada no ano 1828, é a agrupación popular máis antiga de Galicia. En 1930 dividiuse en dúas formacións, a Banda Nova e a Banda Vella, que se volverían xuntar nove anos despois. A finais dos anos 70 comeza a súa actividade a Escola de Música da Banda Artística de Merza, desde a que se potencia a creación de grupos de cámara e as bandas infantil e xuvenil. A agrupación suma máis dun cento de músicos federados.

Baixo a batuta de Mateo Gómez Naval, o repertorio previsto inclúe as pezas Ortigueira, Cantuxa, La Gran Vía e Camiños da Fin da Terra. Soarán tamén 3ª suite for band, Joropo, Volvoreta e Muiñeira das Insuas de Gres.

Pola súa banda, Sobrado dos Monxes acolle na mesma xornada, ás 14,00 horas, a actuación da Banda de Música Recreativa e Cultural de Bandeira, creada en 1980 baixo a iniciativa dun grupo de amigos. Na actualidade suma 70 compoñentes e conta cunha escola de música con 90 alumnos, que forman as bandas infantil e xuvenil. Tamén forman parte da asociación o coro Vales Mahía e a Banda de Veteranos.

Dirixida por Manuel Otero Payno, na actuación do domingo interpretará Guláns, Chaplin in concert, Rapsodia galega, Willians in concert, Concerto para clarinete, Xota de Nicolás, Uprising e Namoriqueira.

O País das Bandas arrincou o pasado 1 de xullo e percorrerá Galicia ata o 19 de setembro con case un cento de concertos a cargo de 77 agrupacións que suman máis de 3600 músicos. O obxectivo é impulsar a recuperación da actividade das bandas na Comunidade, como grandes depositarias da tradición musical galega.

A iniciativa desenvólvese ao abeiro do acordo asinado o pasado maio entre a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e a Federación de Bandas, mediante o que a Xunta cuadriplicou a súa colaboración con este colectivo, cunha achega de 400.000 euros.